miércoles, 2 de marzo de 2011

San Froilán

Dende o século XIX as festas do San Froilán tiveron unha estrutura básica, cunha serie de eventos sobre os que se lle dá forma ao programa de festas. Os actos máis importantes nacen ben a raíz da festa relixiosa que xira ao redor do día de San Froilán, 5 de outubro, que se celebra xa dende a Idade Media, e os actos que nacen ao carón da feira e como entretemento para todos aqueles que acudían a Lugo a vender e mercar. Así, aos festexos relixiosos xúntase a partir do século XVIII todo o aparato que acompaña unha feira de varios días de duración. O sagrado e o profano únense para daren orixe ás Festas de San Froilán. No século XIX os actos festivos acadan tal magnitude que a propia feira se programa como un dos eventos propios da festa. Pouco a pouco os actos relixiosos e a feira irán perdendo protagonismo a favor da festa, pero seguirán marcando o carácter e a singular estrutura que se mantén na actualidade. Como unha das columnas da festa foi a feira, esta fixo que as festas do San Froilán sexan un evento colectivo dende o principio, xa que na súa organización participan tamén institucións, comerciantes, asociacións e cidadáns de Lugo que se preparan para recibir xentes de todo o mundo.

Nos días previos ao inicio dos festexos comeza a instalación de iluminacións especiais. Na primeira noite das festas ten lugar a estrea deste espectáculo que é anunciado polos medios como un máis dos actos festivos, de modo que se facilite a concorrencia de público; igual atención merece o acendido das luces nos días seguintes. Durante décadas, só funcionaba nas horas en que se celebraban o paseo e as verbenas nocturnas, de maneira que a luz festiva servía dalgunha forma de cronómetro da duración e desenvolvemento destas actividades. A instalación do alumeado eléctrico supuxo neste senso un importante avance ao permitir un funcionamento máis seguro e unha maior duración do espectáculo, que progresivamente vai ocupando máis rúas e ilumina a cidade ata o amencer. A iluminación da cidade durante os actos nocturnos complétase con espectáculo pirotécnico. Lugo conta, igual ca o resto de Galicia, cunha importante tradición, pois os fogos de artificio eran ingrediente imprescindible das grandes celebracións que organizaba o Concello, sobre todo cando se celebraban as proclamacións reais. Era polo tanto natural que se integrasen no programa festeiro do San Froilán.


As funcións pirotécnicas, que sempre foron do agrado do público, son agardadas pola prensa e pola xente, procurando ofrecer en cada intre a maior vistosidade. A Muralla romana acada un especial protagonismo ao converterse no escenario ideal no que se congregan milleiros de persoas para contemplaren as luminarias. Aínda que a Comisión de Festas, co Concello á fronte, é o principal impulsor dos festexos, ao longo destes dous séculos de celebración toda a sociedade lucense ten colaborado, dun xeito ou doutro, no seu desenvolvemento. É na organización de eventos culturais e deportivos onde máis se evidencia esta actitude participativa de persoas e entidades da cidade que desexan poñer o seu gran de area nos días grandes de Lugo. En efecto, toda caste de institucións e asociacións locais promoven actividades que complementan a iniciativa municipal. Organizan espectáculos nas rúas, desfile, marionetas, teatro, confrontacións deportivas, exhibicións aéreas, certames literarios, concertos...



No hay comentarios:

Publicar un comentario